O Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) créase a través dun convenio entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, o 16 de abril de 2022, como Centro de carácter mixto dedicado á investigación, formación e estudo do cooperativismo nas súas dimensións económica e xurídica, nos ámbitos galego, español, europeo e internacional, sendo este o único centro de estudo da Economía Social en Galicia.
Desde a súa creación, desenvolvéronse un conxunto de actividades (organización de xornadas, seminarios ou congresos) e publicáronse un amplo número de monografías, todo iso cun claro compromiso coa sociedade e a Economía Social, particularmente, o ámbito cooperativista galego. O seu primeiro director e impulsor do proxecto, o catedrático de dereito mercantil, D. Manuel Botana Agra, situou ao CECOOP no ámbito nacional e internacional, ao asocialo ao Centro Internacional de Investigación e Información sobre a Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España) de recoñecido prestixio nacional e internacional.
O salto á cuantificación das familias da Economía Social (ES) de mercado en Galicia produciuse no ano 2019 coa publicación do “Libro Branco da Economía Social en Galicia 2018”, cuxa información cuantitativa e análise cualitativa fóronse actualizando a través dos “Informes sobre a Economía Social en Galicia” dos anos 2019 a 2022.
A primeira inmersión na cuantificación das entidades de non mercado en Galicia prodúcese coa colaboración do CECOOP no informe “A Economía Social en España en cifras 2019” de CIRIEC-España.
A metodoloxía aplicada en todos os estudos é a de CIRIEC-España, recollida na web de CIRIECSTAT e nas publicacións emanadas durante todos os anos, desde a súa creación, no ano 1986, co que compartimos o concepto da economía social, o cal se atopa amplamente acordado polas diversas institucións da Unión Europea, as organizacións representativas das cooperativas, mutuas e mutualidades, asociacións, fundacións, empresas de base asociativa e entidades singulares, así como pola comunidade científica. Un concepto coincidente co establecido en España na Lei 5/2011 do 29 de marzo de Economía Social e na Lei 6/2016, do 4 de maio da Economía Social de Galicia.
Esta perimetrización da Economía Social a nivel nacional e europeo é o que fai posible afrontar con garantías de éxito a implantación dun sistema de recompilación e produción de estatísticas da Economía Social con criterios metodolóxicos homoxéneos, acordes co Sistema Europeo de Contas e de Nacións Unidas (SEC-2010 e SCN-2008) que permitan a elaboración de análises comparativas intertemporais, interrexionais e internacionais fiables e precisas sobre as empresas e entidades da Economía Social. E este sistema de recompilación e produción de estatísticas sobre Economía Social non só é posible, senón que, ademais, é necesario para superar o actual nivel de información estatística sobre a Economía Social heteroxéneo, escaso, disperso e descontinuo.
E ese é o gran obxectivo deste portal estatístico, GALESTAT, implantar un sistema de recompilación e produción de estatísticas da Economía Social para a CC.AA. de Galicia, nun repositorio e máis adiante nunha base de datos, que agrupe, depure e publique nun portal único, de forma permanente e continuada, cos criterios metodolóxicos da contabilidade nacional, homoxéneos e comparables, as diferentes estatísticas da Economía Social en Galicia e que complemente ao portal estatístico da Economía Social en España, CIRIECSTAT.
Maite Cancelo
Directora do GALESTAT
